Un pouco de historia...
Ata o ano 27 a.C., case douscentos anos despois de entrar os romanos na Península Ibérica, e despois de múltiples intentos, estes non podían cos nativos que habitaban os montes do que é hoxe Cantabria, Asturias e a Galicia oriental. Aquí atopábanse importantísimos xacementos de ouro que Roma codiciaba con disimulo.
Difamaron ó inimigo, reclutaron mercenarios por todo o Imperio, engraxaron a maquinaria de guerra e equiparon o maior exército de toda a historia de Roma. O emperador César Augusto xogouse todo a unha; el, en persoa, presentouse na Hispania ó mando de tódolos exércitos. A parte do ouro, estaba obsesionado con emular a seu tío Julio César na conquista das Galias (Francia).
As mellores lexións tiñan ó frente os mellores legados: Antistio, Furnio, Carisio e Agripa. A flota de guerra romana ía varrendo dende a costa Atlántica e Cantábrica.
Ós nativos gustáballes a táctica da guerrilla e as emboscadas, ós romanos as operacións envolventes atacando dende varios flancos. Despois de múltiples escaramuzas, os Cántabros retiráronse ó Monte Araceli, os Astures ó Monte Vindio e os Galaicos ó Monte Medulio.
O Monte Medulio, que aínda non está localizado, sitúano os historiadores cerca do río Miño (ou Sil). Posiblemente na primavera do ano 26 a.C. tres columnas atacaron este monte por tres flancos: Furnio polo Sil, viña dende os Peares río arriba; Carisio que viña dende Astorga, polo Bierzo; Paulo Fabio Máximo, saíu de Lugo e atacou pola Serra do Rañadoiro e o Cebreiro. O camiño cara o Monte Medulio foi terrible: graves e duros combates, nun terreo plagado de matogueiras con ferintes espiñas, enormes precipicios, estreitos desfiladeiros de profundidade abismal e abundantes e espesas selvas.
Os romanos non se atreveron a atacar o Medulio, decidíronse polo asedio, para iso completaron un foxo ó redor deste, de 25 quilómetros de lonxitude, co seu correspondente valado de paus, vixiado día e noite polos soldados romanos.
Cando os nativos se deron conta da súa extrema situación, ou se entregaban ou morrían de fame, apresuráronse a buscar a morte no medio de banquetes, polo lume, polo ferro e polo veneno que obtiñan ó espremer as piñotas cocidas dos teixos. Así, case todos libráronse da escravitude, que para eles era peor cá morte.


